Despropósitos

Despropósitos

Despropósitos

Que na Coruña non había interese polas touradas era algo que todas e todos coñeciamos hai dez anos. Unha cidade que debía subsidiar, por orde dos sucesivos gobernos de María Pita, a tortura, mutilación e morte de varios touros cada ano, evidenciaba a grande distorsión existente entre a cidadanía e os seus representantes. Non era estrano entón que xurdiran movementos organizados para atallar esta problemática financieira e ética, como a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas.

Quizáis o novidoso do asunto era que, a partires deste momento a abolición da tauromaquia converteuse non só nunha demanda social, senón tamén nun problema político, porque o que nos falta en moitas ocasións é que os movementos sociais teñan interpelación directa coas institucións, que se servan destes espazos de representatividade para trasladar as súas propostas e confrontalas.

Así, a través desta coalición de activistas e pequenas organizacións de todo tipo comezouse cunha tarefa de coñecemento da situación, traballando por primeira vez cos expedientes do propio Concello da Coruña, publicando os datos de asistencia, os gastos surrealistas dos promotores taurinos, falando cos medios e achegando un discurso que non só falaba de respeto animal senón que incluía preceptos lóxicos sobre a defensa dos dereitos civís, económicos, culturais e sanitarios das veciñas e veciños. Porque cada céntimo que ía polo sumidoiro da feira taurina non podería ser investido en políticas locais necesarias para combater a exclusión social.

E logo, como se podería entender o uso de 130.000€ para mercar entradas, area e facer do Coliseum unha praza de touros? O traballo de formiguiña nos permitiu evidenciar como existía un auténtico xogo de intereses, de forzas vivas, de lobbies que empregaban a feira taurina como o campo de probas particular. E todo cunha asistencia residual, que foi descendendo co paso dos anos.

A piques de cumprir dous anos como cidade liberada das touradas, só podemos amosar a nosa ledicia por acadar, coa forza cidadá, unha victoria que chegou a pasear á cidade da Coruña por toda clase de medios de comunicación. Televisións estatais, xornais do Perú, México, diarios norteamericanos… A decisión de rachar a concesión taurina foi, sen dubida, un xesto necesario e mediático positivo.

Rubén Pérez Sueiras

Voceiro da plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas


Comparte

Comparte: