Moito choveu desde que a compañía telefónica de España creou o seu novo departamento de tráfico contratando maioritariamente man de obra feminina. Este novo departamento non era nin máis nin menos que o adicado ás chamadas urbanas e interurbanas. Así o describía un funcionario da casa a mediados dos anos vinte do pasado século: “ a calidade do servizo, tanto urbano como interurbano e, polo tanto, o éxito con que calquera compañía telefónica serve ao público, depende por enteiro da cooperación e do modo en que as traballadoras se axudan unhas ás outras”. A principal preocupación da compañía sinalaba que para pór en marcha as conferencias interurbanas, as “señoritas operadoras” tiñan que empregar moito do seu empeño e vontade no novo sistema que estaba a punto de ser implantado. Este formaría parte dun novo modelo de comunicación no que as mulleres do noso país foron pioneiras e principais protagonistas como man de obra barata.
Este novo modelo produtivo necesitaría da posta en marcha de cursos de formación para facer fronte aos novos retos da compañía, coa finalidade de que estas novas telefonistas puideran saber que tipo ou modos de expresión utilizar cos seus interlocutores a través das liñas da compañía telefónica.
Traballar no sector da telefonía suporía para moitas das mulleres da época unha posibilidade única de ascender na escala social aínda que fora a expensas de que o seu salario estivera moi lonxe de ser equiparado aos dos seus compañeiros homes.
Botando unha ollada cara atrás atopámonos cun traballo feito por mulleres, mal remunerado e a maioría das veces en condicións de gran precariedade, nada que envexar ao traballo que está a desenvolverse na actualidade no coñecido sector como: “os call center”, como se demostra tamén hoxe ás súas competencias convertían parte das súas tarefas en algo “familiar”.
E sen facer un gran esforzo, achegámonos á situación actual, tendo ante nós un estilo de traballo que semella sen ningunha dificultade as condicións de traballo que o Dickens máis técnico reflicte nas súas obras. Estamos a falar do servizo de teleoperadoras/ es en España.
O servizo de teleoperadores en España ven sendo desde hai uns anos unha oportunidade para que moitos mozos accedan a un posto de traballo. Mais a súa andaina está sendo un sendeiro de dificultades. Este vindeiro xoves día 20 a empresa de telefonía Extel rematará o período de consultas do ERE que quere pór en marcha na Coruña e que afectará a 205 traballadoras e traballadores da súa plantilla.
Pero quen ven sendo Extel? A empresa Extel depende da multinacional ADECCO e ten sedes en diferentes puntos de España, o ERE que queren levar a cabo afectará a unha gran parte da plantilla de A Coruña e Zaragoza.
Que podemos falar do sector?. Tan só na nosa cidade traballan arredor de 4000 persoas no sector de telemarketing de feito este sector foi o de maior crecemento de emprego aínda que non todas as compañías do sector presentan as mesmas condicións de traballo, nin pertencen aos mesmos grupos empresariais, nin teñen na súa folla de ruta os mesmos clientes.
As condicións de traballo rozan a irracionalidade, segundo o último convenio dos “contact center” teñen dereito a unha pausa de cinco minutos por cada hora traballada, cando as xornadas de traballo ininterrompido son superiores a 4 horas e inferiores a 6 haberá que sumarlle un descanso de 10 minutos, e nas xornadas ininterrompidas a partir de 6 horas o descanso é de 25.
Como podemos supor a temporalidade é outra das condicións laborais que sofren no sector, son continuas as contratacións eventuais. Pero a pesar da alta participación das organizacións sindicais e das normas establecidas nos convenios sobre a seguridade e saúde , obsérvase como neste sector a presión á que se ven sometidas as traballadoras e traballadores é o elemento máis común e que define este estilo de traballo. Alcanzar os obxectivos impostos por todo o conxunto entramado empresarial fai que o traballo sexa tremendamente estresante e que moitas sexan as baixas producidas por cansazo e estrés emocionais
Nalgún dos casos o ritmo de traballo é tal que nin sequera teñen tempo para beber un pouco de auga e coidar así a súa prezada ferramenta:
a súa voz.
Mais, por que as traballadoras de Extel están ameazadas por un expediente de regulación de emprego?. A empresa xustifícao alegando causas organizativas e de produción debido a unha mensaxe de Telefónica á empresa no que se indica que a partir do 1 de outubro baixaría o rexistro de chamadas afectando ao territorio norte. A empresa é de Adecco e un dos seus principais clientes neste caso é Movistar.
O comité de empresa di que ese mail é unha oportunidade entre a empresa e a compañía Telefónica para xustificar os despidos colectivos e efectuar contratacións precarias e temporais máis que tratar de deslocalizar, porque a baixada de rexistros – comentan as traballadoras- non é real, e pensan isto porque a día 16 as traballadoras seguen tendo aluvións de chamadas.
O que pretende a empresa -segundo di o comité- é unha modificación substancial das condicións de traballo, debido a presións da Telefónica.
A día de hoxe, o comité non está a favor do ERE, pide á empresa que o retire e están a levar moitas mobilizacións, así como están á contar con moitos apoios institucionais e de diferentes formacións políticas. Hai uns días mantiveron unha reunión co grupo parlamentario de En Marea para levar adiante una proclamación en contra xunto ao resto de formacións políticas do arco parlamentario galego, así como manter o compromiso de comezar unha investigación sobre as relacións laborais no sector.
Por todo isto, desde Podemos Galicia amosamos o noso máis grande apoio ás traballadoras e traballadores da empresa Extel e ás súas familias, e queremos que a empresa retire o ERE inxusto e con consecuencias nefastas para a nosa cidade que deixaría na rúa a 205 familias.