8 DE MARZO: DÍA DA MULLER TRABALLADORA

8 DE MARZO: DÍA DA MULLER TRABALLADORA
8 DE MARZO: DÍA DA MULLER TRABALLADORA

8 DE MARZO: DÍA DA MULLER TRABALLADORA

Amparo é case unha nena que traballa na fábrica de tabacos da Palloza na Coruña. É cigarreira e xunto coas súas compañeiras loita día a día para poder traer á casa un salario que lles permita levar algo á boca. De orixe moi humilde, Amparo enarbora a bandeira da primeira República e todas as mañás no descanso entre tarefa e tarefa le ás súas compañeiras noticias dos seus ideais e xunto con elas fai esforzos por conseguir melloras laborais e sociais que cambien as súas condicións de vida. Esta muller traballadora é a protagonista da primeira novela que se escribiu sobre as condicións da clase obreira en España. A súa autora foi outra coruñesa de orixe nobre e liberal: Emilia Pardo Bazán. E a súa novela: A tribuna, foi publicada en 1883, tendo como protagonista unha muller.

A literatura sérvenos para soñar e poder viaxar no tempo. Coa historia accedemos ao coñecemento de feitos e épocas, axudándonos a tomar conciencia de situacións pasadas e presentes que ás veces, dunha ou outra forma poden volver a reproducirse. Así, grazas á historia, sabemos o que lles sucedeu a aquelas traballadoras da fábrica de téxtil en Nova York cando tentaban defender os seus dereitos laborais, e o patrón, non conforme coa protesta, prendeu lume á fábrica, convertendo todo aquilo nun horror: ao redor de cen mulleres morreron calcinadas naquel intento do patrón de abortar unha loita pola mellora de condicións de traballo, elas tan só de forma pacífica reivindicaban reducir as longas xornadas e contar cun espazo e unhas ferramentas máis salubres.

Pero a historia segue dando as súas rabexadas, e agora atopámonos cunha situación na que despois de moitas loitas o mundo das mulleres non cambiou o suficiente. Unha das secuelas en contra segue sendo a violencia machista, neste ano, xa foron asasinadas 24 mulleres en España. E se botamos unha ollada aos datos económicos, chegamos á conclusión de que estes últimos anos e debido á posta en marcha de leis inxustas, a situación da muller traballadora en lugar de mellorar, empeorou. Leis como a reforma laboral impiden o crecemento económico e contratacións dignas.

O 75% das persoas en España con xornada parcial son mulleres. Os ingresos máis baixos son os das mulleres porque ser traballadora na España actual non significa que te atopes fóra dunha situación de pobreza. Hai mulleres asalariadas con ingresos por baixo do nivel da pobreza. A pobreza ten rostro de muller.

Botemos unha ollada aos datos:

Dos 22,9 millóns de persoas activas en España en 2014, 10.6 millóns son mulleres. Dada a perda de ingresos nos fogares, deuse a nivel nacional un incremento significativo na taxa de actividade das mulleres entre 50 e 64 anos: hai principalmente dúas causas de por que as mulleres se incorporan a esta idade: unha é debido a aquelas actividades con máis dinamismo como son as actividades relacionadas co coidado e outra, a máis significativa, é que, co incremento da crise, os homes están a perder os seus empregos ou viron reducido o seu poder adquisitivo, o que levou a que a muller se incorpore ao mercado para tentar mellorar a perda de ingresos no fogar. Moitas destas mulleres, non traballaran con anterioridade, polo menos non en empregos remunerados e contemplados na seguridade social.

Outro gran problema é o das pensións, as condicións de traballo das mulleres durante os últimos anos de vida activa, é fundamental para ver que pensión ou axudas van poder acceder cando alcancen a idade de xubilación.

Galicia

No cuarto trimestre de 2016 había 1.049.600 persoas traballando en Galicia: 495.500 mulleres (47,2 % das persoas ocupadas) e 554.100 homes. Son 58.600 mulleres menos traballando ca homes.

En catro anos destruíronse os postos de traballo de 23.700 mulleres menores de 35 anos (–17,2 %). Así pois, o incremento da ocupación concéntrase nas mulleres de 35 a 64 anos (31.700 ocupadas máis ca hai catro anos; +9,2 %).

No cuarto trimestre de 2016, o 23,0 % das mulleres ocupadas eran menores de 35 anos (28,2 % hai catro anos), o 58,3 % tiñan entre 35 e 54 anos (56,1 % hai catro anos) e o restante 18,7 % tiña 55 ou máis anos (15,7 % no 2012).

De 1.049.600 persoas ocupadas no cuarto trimestre de 2016, o 14 % traballaba a tempo parcial, cunha distribución moi desequilibrada por sexos: o 23 % das mulleres fronte ao 6 % dos homes. Daquela, o 76 % dos empregos a tempo parcial están ocupados por mulleres.

A brecha salarial entre homes e mulleres depende de moitos factores, entre eles está a negociación dos convenios onde se determinan os salarios. As mulleres galegas cobran un 22,1 % menos que os homes, e ademais son maioría nos tramos salariais máis baixos. Segundo fontes da Axencia Tributaria, o 36,34 % das mulleres asalariadas teñen ingresos igual ou por debaixo do salario mínimo interprofesional. No cuarto trimestre de 2016 participaban no mercado laboral un 48,7 % das mulleres en idade legal de traballar ronte ao 58,4 % de homes. A taxa de ocupación das mulleres é case nove puntos porcentuais inferior á dos homes (40,5 % mulleres, 49,3 % homes).

O salario medio anual das mulleres é inferior á media (15.501 euros/ano) nos seguintes sectores: outros servizos persoais e de ocio (7.442 euros/ano); servizos ás empresas (11.804 euros/ano); agricultura, gandería, silvicultura e pesca (10.255 euros/ano); comercio, reparacións e transporte (13.629 euros/ano) e industria (15.464 euros/ano). No ano 2015, o 59 % das asalariadas encadrábanse neses sectores.

Nos actuais orzamentos  para o ano 2017, só destina 1,2 millóns de euros ao programa de «apoio á conciliación da vida laboral e persoal e outros servizos de protección social» e 7 millóns ao programa de «accións para a igualdade, protección e promoción da muller». Eses programas, nove anos antes, contaban con 5,7 e 16,2 millóns de euros, respectivamente

Alternativas

Sistemas públicos de prestación de servizos esenciais mellorarían a permanencia das mulleres no mercado, reducindo as excedencias por coidados familiares e tamén minimizando as reducións de xornada.

Hai que eliminar o abuso que supón a contratación a tempo parcial, tamén tense que romper a segregación.

É necesaria unha transversalidade de xénero tanto no deseño de políticas como de implantación de leis e execución orzamentaria.

Non aos recortes en educación, sanidade e dependencia feitos pola trama Rajoy-Feijóo.

Non á actual reforma laboral.

Comparte: