Biografía
Esta peleona de “armas tomar” leva dando guerra dende que nacera en Ribadeo aló polo ano 1952. Estudou Xeografía, Historia e Arte de Galicia na Universidade de Santiago de Compostela e fíxose profesora de instituto ensinando historia durante 33 anos.
A súa traxectoria estivo vinculada cun compromiso claro coa sociedade, en especial coa loita feminista. Proba delo foron os anos que colaborou con diversas asociacións de mulleres de Vigo.
Gústalle a arqueoloxía industrial, tema sobre o que escribiu varios traballos centrados na minería de ferro luguesa que carretaba mineral para o porto do seu querido Ribadeo.
Xa xubilada segue có seu espírito peleón. O proxecto de Podemos recupera a súa esperanza nun cambio real que leva latente dende que se involucrara en distintos movementos sociais.
Motivación
Estou en podemos porque “NUNCA MAIS” quero volver a ver a ningún ser humano expulsado da súa casa, a ningún policía pegarlle á xente que o quere impedir,a ningún ancián malvivindo cunha pensión miserenta que aínda ten que compartir cos seus, non quero ver máis ós narcotraficantes paseándose cós que nos gobernan, tampouco quero unha sociedade homófoba, e sexista onde haxa nenos e nenas que pasen fame, non quero ver a nosa xuventude coller o camiño da emigración como fixeron os nosos antergos e as xentes pequenas, pequenas de alma e de cabeza, “imbéciles e escuros”, dirixindo a nosa educación e a nosa sanidade. Si quero xente limpa de corazón e “grande de cabeza” preocupada e sensible ante os problemas, que non recorten en dependencia, nin nas bolsas dos estudantes, nin en investigación, que non lles fagan pagar as medicinas ós nosos maiores e que non permitan que a piqueta destrúa o noso patrimonio, herdado dos nosos avós e o cal debemos ós nosos netos.
Estou convencida de que, entre todas e todos, agora PODEMOS construír unha sociedade de “bos e xenerosos”, dicíalle Federico García Lorca á nosa Rosalía:
¡Érguete miña amiga, que xa cantan os galos de dia!