Juan Rioja Lema

Juan Rioja Lema
Juan Rioja Lema

Juan Rioja Lema

Biografía
Nacín na Coruña no barrio da Estación do tren en maio de 1968.

Polas circunstancias económicas da miña familia obreira, tiven que abandonar os estudos ao finalizar o bacharelato e poñerme a traballar como camareiro, mozo de almacén, entre outros. No ano 1991 fun participe dos inicios do Comité antisida da Coruña CASCO, nun momento preocupante ante o descoñecemento da sociedade das vías de transmisión, e a aparición de numerosos casos sen un tratamento eficaz.

Traballei como coordinador na escola municipal de danza do Concello de Oleiros, e actualmente son funcionario dende fai 20 anos na Deputación provincial da Coruña, adscrito á área de Cultura. Considérome un defensor dos dereitos dos animais non humanos e me gustaría vivir nunha cidade onde non se permitisen os espectáculos con animais, e fora exemplo de convivencia nos transportes, aloxamentos, negocios, praias, etc.

Comencei no primeiro Circulo Podemos A Coruña no que colaborei no grupo de Acción Cidadá, iniciativas cas que sigo no Consello Cidadá da nosa cidade.

Motivación
Como funcionario teño evidenciado que as políticas marcadas polos nosos representantes cada vez afastan máis á administración do verdadeiro sentido para o que foron creadas, e abandonan paulatinamente o principio de transparencia e participación en relación cos cidadáns.

Considero que chegou o momento de poñer freo a esta situación e facer unha reflexión dos erros cometidos durante estes anos de democracia, e entre todos intentar cambialos. Para iso necesitamos unha transformación colectiva que indubidablemente ten que ir acompañada dunha recuperación dos valores perdidos e dunha toma de conciencia sobre o sentido de abandonar o EU polo NÓS.

Dentro do Consello Cidadán interésame o traballo pola cultura, e penso que por capacidade de traballo e a miña experiencia, a miña pequena achega pode ser útil. Considero que a Cultura é patrimonio dunha sociedade con intención de avanzar e unha industria xeradora de recursos que nesta cidade nunca foi recoñecida como tal.
Nunca militei nun partido político, pero o chamamento de PODEMOS á participación cidadá e o razoamento claro e evidente de que se non facemos política nola fan, foi o que motivou o meu interese por presentar a miña candidatura.

Son consciente de que encontrar solucións a todos os problemas é complexo, pero confío en que o primeiro paso será dado e as xeracións futuras encontrarán a porta cara a novos e importantes logros, esta vez dentro dun sistema que sexa o reflexo da honradez e a transparencia dos seus representantes.